III - Seguridade Social
3.2 - Prestacións Básicas da Seguridade Social en Galicia
132

3.2.3. Prestacións por Morte e Supervivencia
¿Quen é beneficiario destas prestacións?
– As persoas integradas no réxime xeral, afiliadas e en alta ou en situación de alta asimilada, que reúnan un período mínimo de cotización de:
- Cincocentos días dentro dos cinco anos inmediatamente anteriores ó falecemento, se este se debeu a enfermidade común. Se o falecemento se produce estando o traballador en situación de alta ou de alta asimilada, sen obriga de cotizar, o período de cotización de cincocentos días deberá estar comprendido dentro dos cinco anos anteriores á data en que cesou a obriga de cotizar.
- Non se esixe período previo de cotización, se a morte é debida a accidente, sexa ou non de traballo, ou a enfermidade profesional.
- Tampouco se esixe ningún período previo de cotización para o auxilio por defunción.
– As persoas que, na data do falecemento, non estean en situación de alta ou de alta asimilada, causarán dereito ás pensións de viuvez, orfandade e prestacións en favor dos familiares, sempre que reúnan un período mínimo de cotización de quince anos. En ningún caso se terá dereito ó cobramento de cantidades correspondentes a exercicios anteriores ó 1/1/1999.
– Os perceptores de subsidios.
– Os pensionistas de xubilación na súa modalidade contributiva.
– Os pensionistas de incapacidade permanente. Considéranse mortos por accidente de traballo ou enfermidade profesional os que teñan recoñecida unha incapacidade permanente absoluta ou a condición de grande invalidez.
– Os traballadores que cesaran no seu traballo con dereito a pensión de xubilación na modalidade contributiva e falecesen sen a ter solicitado.
– Os traballadores desaparecidos por mor dun accidente, sexa laboral ou non, en circunstancias que fagan presumible a súa morte, e dos que non se tivesen novas durante os noventa días naturais seguintes ó do accidente. Neste caso non se causa nunca o dereito de auxilio por defunción.
– Os traballadores con dereito a pensión por incapacidade permanente total que optaron pola indemnización especial a prezo fixado a favor dos menores de 60 anos.