I. Introducción

O presente traballo pretende ser un instrumento que facilite a mobilidade transfronteiriza dos cidadáns comunitarios xustificada, ben por motivos de índole académica, ben por motivos de índole profesional. Máis concretamente, o seu obxectivo consiste en minimizar as barreiras á mobilidade entre España e Portugal, proporcionando o activo esencial en calquera proceso de desprazamento: a información. O texto que segue a esta introducción, sustentado por un traballo de investigación documental e de campo, pretende ser rigoroso e exhaustivo, a pesar de entendermos que para o cidadán debe ser unicamente un punto de partida na regularización previa no sinalado proceso de desprazamento transfronteirizo.
O documento está constituído por tres partes diferenciadas: na pimeira abórdanse as cuestións relativas ós desprazamentos no sentido España-Portugal, na segunda parte enfócanse os aspectos relacionados co desprazamento en sentido contrario, isto é, no sentido Portugal-España, e na terceira, os anexos, de natureza diferente ás anteriores, acrecéntase información importante para o interesado, a cal, polo seu carácter complementario, consideramos que non debía facer parte do corpo central do documento. Os capítulos preocupados exclusivamente pola problemática dos desprazamentos teñen unha estructura similar, tratándose inicialmente os procesos de equivalencia/homologación de títulos, xuntamente con aquelas situacións relativas ao ingreso e proseguimento de estudios no Ensino Superior. Posteriormente, desenvólvense os aspectos dos procesos de recoñecemento de diplomas e títulos obtidos na Unión Europea para efectos profesionais. Na última parte do traballo, en anexo, analízanse algunhas cuestións prácticas, recolléndose tamén, unha colección das solicitudes habitualmente utilizadas nalgúns dos procedementos sinalados no corpo de traballo, enunciándose a lexislación referente aos asuntos tratados, e acrecentándose, en último lugar, as fontes de información utilizadas.