II. O SISTEMA EDUCATIVO E DE FORMACIÓN PROFESIONAL EN PORTUGAL
II.3. Ensino Recorrente

II.3. ENSINO RECORRENTE

Á semellanza do que sucede coa formación profesional, a LBSE enmarca a educación de adultos como "modalidade especial da educación escolar" [art. 16 c)]. No artigo 20 da tal lei especifícase concretamente quen son os destinatarios desta modalidade de ensino, a forma de acceso, así coma os diplomas e certificados outorgados.

Deste modo, na medida en que se institúe coma unha segunda oportunidade de formación, o ensino recorrente destínaselles a individuos que xa non se encontran na idade normal de escolaridade nos ensinos básico e secundario, e tamén a aqueles que non tiveron a oportunidade de se integrar no sistema de educación escolar na idade normal (con vistas a eliminar o analfabetismo).

Con este fin, poden acceder ó ensino de adultos, nos niveis do ensino básico e superior, tódalas persoas a partir dos 15 e dos 18 anos, respectivamente.

No que respecta á oferta de cursos nesta modalidade de ensino, e baseándonos na información fornecida polo Departamento do Ensino Secundario do Ministerio da Educación en xullo de 2001, os cursos subdivídense en:

  • Xeral e Técnicos (Informática, Construcción Civil, Electrotecnia, Deseño de Construccións Mecánicas, Química, Deseño de Comunicación, Animación Sociocultural, Comunicación, Artes e Oficios, Contabilidade, Secretariado);
  • Xeral e Tecnolóxicos do Ensino Artístico Especializado para adultos(vertente das Artes Visuais).

Estes cursos outorgan o certificado de conclusión de estudios secundarios, o que permite o acceso ó ensino superior. Ademais, ó finalizar os cursos técnicos e mailos cursos tecnolóxicos do Ensino Artístico Especializado, obtense a Cualificación Profesional de Nivel 3, gañando, xa que logo, o carácter de formación profesional (que foi mencionada no epígrafe anterior).