VI.- OBSTÁCULOS PARA A MOBILIDADE

VI — OBSTÁCULOS PARA A MOBILIDADE

Neste capítulo trataremos dalgúns aspectos que, na nosa opinión, poden considerarse atrancos para a mobilidade dos estudiantes entre España e Portugal. Sen facermos unha enumeración exhaustiva dos mesmos, parécenos relevante salientar o seguinte:

Obstáculos Observados desde Portugal

  • Falta de lexislación.

O proceso para a obtención da equivalencia das titulacións ó nivel do ensino secundario, en Portugal, está regulamentado por un único documento legal (Decreto-Lei nº 219/97), no cal non se lexisla a Certificación de Competencias, regulamentada nun documento propio. Curiosamente, nese documento non se lles fai ningunha referencia, na táboa de equivalencias que o acompaña, ós cursos das Escolas Profesionais. Mesmo que esta pexa xa se teña superado, no contexto do presente estudio, por medio do contacto telefónico cunha institución de ensino desa natureza, o proceso gañaría en transparencia se este caso estivese previsto no referido documento legal.

  • Eivas na lexislación existente.

Malia o Decreto-Lei anteriormente mencionado prever, para os efectos das equivalencias ó nivel dos Cursos Xerais, a situación española antes e despois da reforma do sistema de ensino, non ocorre o mesmo no tocante ós Cursos Tecnolóxicos. Segundo as nosas pescudas, mentres que na lexislación portuguesa se lle fai referencia exclusiva ós cursos de Formación Profesional de nivel II (FP2), a reforma do ensino en España prevé a substitución deste ciclo formativo pola "Formación Profesional Especial de Grao Medio". Non se comprende, xa que logo, a razón de que se omita este feito, visto que as modificacións na lexislación española foran consideradas, como referimos, no tocante ós Cursos Xerais.

  • Dificultades para a obtención da información.

Esta foi unha realidade presente durante a investigación que a equipa técnica encetou para a elaboración deste estudio. Para superar este atranco, sería útil que as entidades oficiais (léase Ministerio da Educación) fornecesen, dunha forma clara e sintética, toda a información necesaria, principalmente nas respectiva páxina da internet, para que a consulta por parte dos interesados sexa eficaz. Evidentemente, este estudio constitúe unha ferramenta privilexiada para acabar con esta eiva, pero non substitúe a misión do Ministerio neste eido.

Obstáculos Observados desde Galicia

Para a homologación e convalidación de títulos e estudios no sentido Portugal — Galicia, existen certos obstáculos que poderían suponer certos problemas á hora da mobilidade. A continuación presentamos algúns destes problemas:

  • Falta de lexislación.

No Estado Español existe un baleiro en canto á lexislación referida á Homologación e Convalidación de títulos e estudios estranxeiros polos correspondentes españois, acentuándose este baleiro na Formación Profesional Específica.

  • Necesidade de actualización.

A lexislación a nivel Estatal referente á Homologación e Convalidación de títulos e estudios estranxeiros está pouco actualizada. Esta falta de actualización nalgúns casos supón que a información que se recolle non se corresponda coa realidade actual, tal é o caso de:

    • Táboa de equivalencias España — Portugal. Os datos que aparecen nesta táboa, están referidos ó Sistema Educativo Portugués anterior ó actual.
    • Na lexislación non se recolle a transferencia de competencias en canto a Educación, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, na Comunidade Autónoma de Galicia, así cando se fala do lugar de presentación de solicitudes se indican as Delegacións Provincias do Ministerio de Educación e Cultura, que na actualidade non están presentes na nosa comunidade.

  • Dificultade para obter a información.

Debido á falta de lexislación existente, xa mencionada, faise difícil atopar información sobre homologación e convalidación de títulos e estudios estranxeiros, xa que hai que acudir directamente ó Organismo Oficial correspondente. Así, no caso da Unidade de Convalidacións e Homologación de títulos é moi difícil contactar, xa que ó ser única para toda España adoita estar colapsada debido ó número elevado de usuarias/os que teñen que atender.

Estes son os principias obstáculos que o equipo de traballo atopou á hora de realizar este estudio, obstáculos que atoparán aquelas persoas que necesiten homologar e convalidar títulos e estudios estranxeiros polos correspondentes españois.