4.- ANÁLISE COMPARATIVO DA SITUACIÓN LABORAL EN GALICIA-NORTE DE PORTUGAL
4.3. - Mobilidade de traballadores entrámbolos lados da fronteira

Para as empresas galegas os principais freos para a contratación de traballadores portugueses son a falta de instrumentos comúns de achegamento da oferta e a demanda, cunha valoración de 3,21 sobre 5, e o descoñecemento dos perfiles profesionais dos traballadores doutro lado da fronteira, cunha valoración de 2,72 sobre 5. Séguenlle en importancia as dificultades legais e administrativas para a contratación de traball adores portugueses e as dificultades derivadas dos desprazamentos.

No caso de Portugal destaca, cunha valoración de 3,61 sobre 5, as diferencias salariais como freo para contratar traballadores galegos. Isto derívase de que os salarios que se pagan en Galicia son algo maiores que os que se pagan en Portugal, anque segundo os técnicos consultados, cabe face-la matización de que isto acontece soamente nalgúns postos de traballo. En postos directivos as diferencias non son moi grandes, anque en postos de traballo de persoal con pouca o sen ningunha cualificación si que sucede (o salario mínimo interprofesional é inferior en Portugal que en Galicia e, ademais, é máis habitual en Portugal ó cobrar soamente o salario mínimo).

As seguintes cuestións consideradas como freos polas empresas portuguesas coinciden coas das empresas galegas. Así, ás diferencias salariais séguenlle en importancia a falta de instrumentos comúns de achegamento de oferta e demanda, as dificultades derivadas dos desprazamentos, as dificultades legais e o descoñecemento dos perfiles dos traballadores doutro lado da fronteira.

En calquera caso, cabe sinalar que en tódalas cuestións, a valoración das empresas portuguesas é maior que a das galegas, o que non debe interpretarse como que as empresas portuguesas poñen máis trabas á contratación de traballadores transfronteirizos, senón que se pode deber a que as diferencias salariais determinan que as empresas portuguesas non vaian ó "mercado galego" a buscar persoal, o que comporta un maior descoñecemento dos perfiles profesionais ó outro lado da fronteira. Por outra banda, as diferencias salariais, tamén levan a percibir como un freo os desprazamentos diarios e prolongados.

Por último, gustaríanos destacar, á vista dos resultados, a importancia que tería o implantar e dar a coñecer ás empresas de ámbolos lados da fronteira os instrumentos comúns de achegamento existentes, así como dar a coñecer os perfiles profesionais, dispoñibilidade das persoas, etc. ás empresas do Norte de Portugal e do Sur de Galicia. Con todo isto, conseguiríase paliar en gran parte os freos que atopan as empresas á hora de contratar traballadores transfronteirizos