| 5.- ANÁLISE SECTORIAL DA ZONA FRONTEIRIZA DO SUR DA GALICIA |
| 5.1.- Análise do sector da Construcción en Galicia |
| No referido ós postos específicos do sector construcción, da táboa 5.5. pódese destaca-lo seguinte: - No relacionado coa rotación, dicir que os postos que teñen unha relación directa coas actividades básicas do sector (albanel, dependente, pintor, peón, etc.) é nos que máis posibilidades hai de que se dea un certo grado de rotación. É debido, como se comentou anteriormente, ó sistema de contratación que se utiliza para estes postos, o sistema de ETT. Hai outro aspecto que incide na rotación destes postos e é o feito de que non haxa unha actividade continuada no sector, senón que esta é moi estacional e depende da conxuntura económica e da climatoloxía. O resto dos postos parece que seguirán ocupados polas mesmas persoas, xa que a súa rotación é moi baixa. Esto ten sentido posto que son, a maioría, postos de desenvolvemento e o resto son os que compoñen a estructura organizativa mínima das empresas do sector. - En canto á previsión para os próximos tres anos sobre do número de persoas que ocupará cada posto, observamos que practicamente para tódolos postos hai previsións de crecemento, sobre todo os relacionados con actividades cualificadas, ó contrario que a rotación. Isto pode ser debido a que as empresas teñen necesidade de incorporar recursos cualificados para mellora-lo seu nivel de competencia. - Por último, no referido á posibilidade de incorporar persoal transfronteirizo para cada un dos postos, observamos que neste caso a dispersión é moito maior que nos dous aspectos anteriormente analizados. Parece que para unha serie de postos como son os que traballan o vidro, os responsables de proxectos, informáticos, ferrallistas e encargados de mantemento existe unha gran posibilidade de incorporación de traballadores doutro lado da fronteira. Mentres que para traballos máis específicos (como se comentou no punto no que se describiron as actividades): fontaneiro, pintor, carpinteiro de aluminio ou madeira e topógrafo existen maiores dificultades para a incorporación de persoas transfronteirizas. Para o resto das actividades as posibilidades son boas. Isto é un aspecto a valorar positivamente, posto que existe un gran número de postos nos que sería posible, se se dan as circunstancias axeitadas (4), a mobilidade a ámbolos lados da fronteira de man de obra. ______________________________________________________________________________ (4) Este aspecto analízase nos puntos relacionados coa oferta e a demanda e as fontes de incorporación. |