| 5.- ANÁLISE SECTORIAL DA ZONA FRONTEIRIZA DO SUR DA GALICIA |
| 5.2.- Análise do sector da Madeira en Galicia |
5.2.1.- O sector da Madeira 5.2.1.1.- Actividades desenvolvidas polas empresas do sector da Madeira A actividade madeireira é, de sempre, moi representativa en Galicia e foise posicionando e adaptando ás novas necesidades, pasando de ser unha actividade eminentemente artesanal e de oficio a ter un nivel de industrialización moi significativo na Comunidade. Poderíase incluso destacar que hai unha certa segmentación entre a orientación das actividades en función das zonas de influencia. Por exemplo, a provincia de A Coruña caracterízase por dispoñer de industrias de aglomerado e primeiras transformacións, mentres que as provincias de Ourense e Pontevedra (destaca a comarca do Deza) caracterízanse pola segunda transformación ou elaboración de producto terminado. Actualmente o recoñecemento e empuxe do sector queda manifesto na creación do CIS da Madeira coa súa sé en Ourense. Consideramos que a actividade seguirá tendo un crecemento sostido e importante, posto que aínda está sen explotar o recurso da exportación. O mesmo ocorre coa compra de materias primas, xa que se segue accedendo ós mercados máis habituais como son Brasil, Camerún, EE. UU, etc., sen tocar ou tocando pouco os países do Este de Europa. Con respecto a este punto quizais sexa necesario prestar atención á influencia que poidan te-las leis e regulamentacións que xurdan debido á maior cultura ecolóxica que estamos adquirindo. Outro aspecto que pode repercutir no sector e que está relacionado cos productos terminados é a incorporación de novos materiais na construcción que, dalgún modo, substitúan á madeira. Destaca-la carpintería de aluminio, a incorporación do PVC, os acabados de plástico en lugar da chapa de madeira na moblería e mobiliario, etc. Desde o punto de vista do producto en si mesmo a substitución das madeiras nobres polos aglomerados que posteriormente son recubertos de chapa das madeiras nobres ou plásticos semellantes á madeira. Este último punto pode afectar no sentido de que se pasará á explotación de madeiras de menor calidade. A dimensión das empresas depende en gran medida da actividade que desenvolven, podendo encontrarnos con grandes industrias elaboradoras de pasta de papel e cartonaxe, fabricantes de táboas e taboleiros, fabricantes de chapa e fabricantes de mobles, tarimas, parqués, portas e ventás e as empresas de carpintería e ebanistería. As actividades máis comúns que se desenvolven na nosa comunidade son as de taboleiros de madeira (aglomerados), serrado, carpintería, chapas, mobiliario e mobles en xeral e fabricación de portas. É bastante común que as empresas da zona leven a cabo máis dunha actividade. Galicia non se caracteriza pola explotación forestal e, como xa indicamos anteriormente, sole utilizarse materia prima doutros lugares, o que da lugar a unha actividade de aprovisionamento (compras) bastante peculiar ó ter que coñece-las fontes de abastecemento, a lexislación existente no país relacionada coas explotacións forestais, as dificultades para atopar outras fontes de abastecemento, etc. A continuación describímo-las actividades que teñen unha maior integración dentro da cadea de valor do sector. - Explotación forestal e tronzado: Na Galicia existen explotacións de roble galego, cereixo e castaño que se utilizan no sector para diferentes fins que, a pesar de non ter gran relevancia polo seu volume, si son importantes desde o punto de vista do valor do producto final. Tamén existen pequenas explotacións de eucalipto e pino que se utiliza sobre todo para a elaboración de pasta de papo e moblería de consumo baixo. Non está considerado o tronzado como unha actividade importante dentro do sector. - Serrado e primeira transformación: Existe en Galicia un gran número de empresas que se dedican unicamente ó serrado da madeira. Actualmente, os talleres de serrado están incorporando outras actividades debido a que se importa a maior parte do consumo e o producto xa se recibe serrado en taboleiro o táboa. Esta actividade non require dun nivel de profesionalización grande, xa que nesta fase do proceso non existe unha gran incorporación de valor ó producto, posto que non é utilizable para o consumidor final neste estado. Nesta actividade de primeira transformación podemos contempla-la fabricación de chapa posto que se obtén directamente do tronco da árbore. Para a fabricación de chapa utilízase tecnoloxía especializada e man de obra non profesional. Esta actividade ten gran repercusión no sector porque, cada día máis, a chapa é o subproducto ou compoñente que lle da ó producto final o acabado esperado polo consumidor final. Ademais é na chapa onde se seguen utilizando as madeiras nobres, tanto é así que o producto final denomínase en función da madeira utilizada na chapa. - Segunda transformación ou fabricación de producto final: A propia fabricación dos productos procedentes da madeira como materia prima fundamental está reducíndose. Para comentar esta actividade imos diferencia-los productos en función da utilización da materia prima: a fabricación de portas, ventás, mobles e mobiliario da de pisos cubertas de paredes, teitos, a fabricación de bidóns, estructuras, etc. - Fabricación de portas, ventás, etc. Esta actividade caracterízase pola conformación dun producto final no que intervén unha compoñente que é o aglomerado, unha cuberta que sole se-la chapa de madeira ou plástico, uns cantos de madeira maciza para dar maior consistencia ó producto (existen casos nos que non se incorporan) e os acabados finais que poden ser vernizados, pintados, lacados, etc.. Esta maneira de procesar e utiliza-la madeira é debido á gran industrialización que se produciu no sector e á incorporación na construcción de novas formas de utilización dos productos, ademais dunha necesidade cada vez maior de reduci-los custos. É por isto que cada día é menor a fabricación de productos nos que a súa compoñente total sexa madeira, o que da lugar a dous tipos de productos, un para consumo medio e outro para consumo de gran calidade. O nivel de ocupación no caso industrializado é grande pero en cambio non é necesario ter grandes coñecementos do producto e proceso, mentres que para a fabricación de productos de madeira nobre é necesario coñece-lo oficio. Neste caso o coñecemento está na mellor forma de consegui-los acabados e a utilización da chapa. - Pisos, cubertas de paredes e outras compoñentes. Podemos dicir que neste caso é no que aínda se utiliza a madeira como tal en maior cantidade, anque se estea poñendo de moda un producto (a tarima flotante) que está formada por dúas compoñentes de madeira un de madeira nobre e a outro de madeira de baixa calidade. Este producto utilízase tanto para os pisos como para revesti-las paredes e teitos. O resto de compoñentes seguen sendo de madeira basicamente. As máis comúns son os parqués nos seus diferentes tipos para solos, os marcos, guarnicións, etc. - Fabricación de bidóns e estructuras e outros. Este tipo de actividade ten diferente incidencia segundo se faga referencia a fabricación de bidóns ou á fabricación de estructuras. A fabricación de bidóns cobrou gran relevancia debido, sobre todo, ó incremento das redes de distribución dos productos e ás normativas postas en marcha a fin de unifica-los sistemas de embalaxe e distribución. Hoxe en día atopámonos bidóns de madeira propiamente dito e de cartón. Estas actividades non necesitan un nivel de profesionalización grande ni tampouco xeran un nivel de emprego relevante. Ademais, esta parte da actividade pode ter dificultades derivadas da incorporación do plástico e da necesidade de dar solución ó retorno dos palets. A construcción de estructuras de madeira tamén está sendo substituída por outras nas que se utiliza o ferro ou outros materiais. - A distribución: É unha actividade que se desenvolve a través de almacéns de distribución para unha serie de productos e coa entrega directa de fábrica ó cliente final nos casos relacionados coa construcción. Por outra banda atópanse os carpinteiros que acceden ó producto por medio dos almacéns comerciantes por xunto madeireiros o da construcción - Outras actividades menores: Existen outras actividades nas que se utiliza a madeira como recurso que non mencionamos por non ter unha incidencia importante no sector. O mesmo que se están introducindo novos materiais para competir no sector madeireiro, tamén esta estase incorporando noutros sectores e industrias como son a carpintería de aluminio, o automóbil, etc. - A carpintería, ebanistería e restauración: Son actividades de moita profesionalización e calidade, anque foron relegadas a segundo lugar na cadea de valor debido á industrialización do sector. Para potenciar estas actividades é necesario crear profesionais e expertos para sacar rendemento das posibilidades que ofrece a materia prima. Seleccionouse un conxunto de 30 empresas deste sector nas provincias do Sur de Galicia (Ourense e Pontevedra), co obxecto de recolle-los principais postos existentes e as tendencias ocupacionais segundo a valoración das propias empresas. Na selección das empresas tratouse de cubri-las diferentes actividades ás que nos temos referido nos parágrafos anteriores. |