| 5.- ANÁLISE SECTORIAL DA ZONA FRONTEIRIZA DO SUR DA GALICIA |
| 5.3.- Análise do sector Metal-Mecánico en Galicia |
| 5.3.1.- O sector Metal-Mecánico 5.3.1.1.- Actividades desenvolvidas polas empresas do sector Metal-Mecánico Na zona industrial galega que estamos analizando existe un antes e un despois, marcado pola incorporación da industria do automóbil á zona. Antes deste evento o sector estaba centrado en actividades básicas que xiraban arredor da industria naval (asteleiros) e actividades primarias como a fundición. A partir da incorporación da industria automobilística prodúcese un xiro das empresas auxiliares en dous aspectos: a mellora técnica e profesional dos seus postos e a incorporación de novas necesidades estructurais. Este cambio xera a necesidade de incorporar novas especializacións, que aprovéitanse da industria naval e se melloran coa incorporación de tecnoloxías para a industria automobilística, beneficiándose disto todo o sector metal-mecánico. Poderíamos dicir que actualmente, tódalas ocupacións, ou practicamente todas, están representadas nos clientes (Grupo PSA Citroën e outras) e nas súas empresas auxiliares. O sector ten unha importancia relevante en Galicia, marcada pola influencia do automóbil na economía. O crecemento do sector é sostido e suave, con algúns altibaixos xerados polas fluctuacións da industria naval e as consecuencias provocadas pola situación do cru. A dimensión das empresas da nosa comunidade e sobre todo da franxa transfronteiriza pódese considerar media - alta, tanto desde o punto de vista de volume ocupacións como da profesionalización no sector. O ámbito de negocio na nosa comunidade podería centrarse en actividades relacionadas coa utilización do cru e os seus derivados, os servicios auxiliares da industria como son o mantemento industrial e os bens de equipo, empresas que fabrican compoñentes para a industria do automóbil, algunha actividade de primeira transformación (aluminio) e servicios auxiliares relacionados cos bens de equipo e reciclaxe de residuos industriais. A continuación describímo-las actividades que teñen unha maior integración dentro da cadea de valor do sector. - Primeiras transformacións: trátase de actividades básicas dentro do sector. Galicia non se caracteriza por dispoñer de empresas que levan a cabo esta actividade, de todos modos existe unha pequena representatividade da mesma nos traballos relacionados coa fundición de metais férricos e non férricos e forxas. Esta actividade xera ocupacións sinxelas e pouco nivel de ocupación. - Actividades de fabricación de productos finais: Son as actividades que identifican dunha maneira clara o sector. Aquí nos atopamos coa fabricación de automóbiles, a fabricación de barcos e a fabricación de tódolas compoñentes que se incorporan a estas dúas grandes industrias. Ademais, pódense considerar de fabricación a tódalas empresas de servicios auxiliares que transforman os seus materiais para incorporar ás instalacións industriais ou ó propio producto (caso do naval coa fontanería). Atopámonos coa actividade clave en relación a nivel de ocupación, profesionalización e estructuras organizativas. En cambio non é característico na Galicia dispoñer de actividades dedicadas á construcción de bens de equipo. - Actividades de reparación e mantemento industrial: Poderíamos separar estas dúas actividades, pero tratámolas xuntas porque o obxectivo final das mesmas desde o punto de vista do sector é o mesmo. A actividade de reparacións está encamiñada ó sector naval e automóbil, o que implica unha necesidade de persoal cualificado e con experiencia para acada-los mellores resultados, mentres que o mantemento industrial é o que se encarga de que os bens de equipo necesarios para levar a cabo a fabricación estean nas mellores condicións de uso. A formación necesaria para este segundo elemento (o mantemento industrial) require un alto nivel de profesionalización e polivalencia. Ademais, outra característica é que o nivel de ocupación non é moi elevado. - Actividades relacionadas co servicio e a distribución: Son actividades que normalmente susténtanse nas dúas grandes industrias anteriormente mencionadas. A súa situación no sector que aquí estamos analizando quizais non sexa a máis axeitada, posto que nin as súas estructuras organizativas nin o nivel de ocupación que teñen é comparable ó resto das actividades que se dan no sector. - Actividades de distribución: As actividades de distribución son atípicas neste sector. Por unha parte atopámonos coa distribución da industria do automóbil que se caracteriza pola actividade desenvolvida nos concesionarios e a exportación do producto final utilizando o transporte marítimo e estrada e, por outra, a distribución de accesorios para as dúas grandes industrias, que se realiza, en gran medida, por medios de comerciantes por xunto ferraxeiros e pola propia actividade de mantemento industrial. Ademais están as entregas de compoñentes ás empresas matrices que se caracterizan pola seguridade no transporte e a frecuencia da entrega, o que está desenvolvendo outra actividade ligada a estas, que é a xestión das cadeas de abastecementos e, sobre todo, a loxística do transporte. - Actividades de reciclaxe ou recuperación de materiais: Existe no sector unha serie de actividades dedicadas á recuperación e reciclaxe de compoñentes plásticas, ferrosos, etc. que cada vez están adquirindo maior importancia. A dimensión desta actividade actualmente é pequena, pero coa incorporación das normativas relacionadas co medio ambiente e a necesidade de recuperar parte dos materiais utilizados, consideramos que terá un crecemento importante dentro do sector. Quizais non inflúa dunha maneira determinante no incremento de ocupacións, pero si que estas ocupacións serán profesionalizadas e influirán na dimensión das empresas de mantemento industrial e servicios. Nalgúns casos, as empresas cobren máis dun ámbito de actividade das descritas anque, a diferencia doutros sectores, existe un nivel de especialización grande, ata o punto de que a maioría das empresas realizan unha única actividade. A variedade de actividades dentro das empresas non supera na maioría dos casos máis de dúas actividades. Seleccionouse un obxecto conxunto de 30 empresas deste sector nas provincias do Sur de Galicia (Ourense e Pontevedra), co obxecto de recolle-los principais postos existentes e as tendencias ocupacionais segundo valoración das propias empresas. Na selección das empresas tratouse de cubrir as diferentes actividades ás que nos temos referido nos parágrafos anteriores. |