5.- ANÁLISE SECTORIAL DA ZONA FRONTEIRIZA DO SUR DA GALICIA
5.3.- Análise do sector Metal-Mecánico en Galicia
As principais conclusións son as seguintes:

Identificáronse dous freos claramente diferenciados do resto: falta de instrumentos comúns para achegar a oferta á demanda e descoñecemento dos perfiles profesionais doutro lado da fronteira.

- O freo relacionado co achegamento entre a oferta e a demanda pode ser debido, ademais da falta de canles para que exista coñecemento do feito, a que non se desenvolveu unha "cultura / costume" na procura de novas vías de contratación. Por costume non se comunica a oferta ó outro lado da fronteira, e no que se refire á demanda ocorre a mesma situación.

- Con respecto ó descoñecemento dos perfiles profesionais consideramos que as causas son as mesmas que no punto anterior. Se non hai unha formulación orientada á procura de recursos ó outro lado da fronteira, é moi difícil que exista un coñecemento dos perfiles profesionais en ámbolos lados. É unha relación causa – efecto bastante natural.

Os outros dous factores valorados, pero con menor incidencia, son as dificultades legais e administrativas na contratación e a dificultade xerada polos desprazamentos con estancia. Consideramos que ámbolos factores irán perdendo importancia por acomodación das leis contractuais a ámbolos países e porque as necesidades de mobilidade nas empresas son maiores, co que, a procura de emprego será máis global. A isto está axudando en gran medida, que no sector xa existen moitas empresas instaladas a ámbolos lados da fronteira.