5.- ANÁLISE SECTORIAL DA ZONA FRONTEIRIZA DO SUR DA GALICIA
5.5.- Análise do sector de Tecnoloxías da Información e Comunicación en Galicia

Das táboas anteriores destácase o seguinte:

- A rotación dos postos que poderíamos chamar transversais (dirección xeral, dirección funcional, comerciais e administrativos) é practicamente inexistente neste sector. Observase así mesmo nestes postos unha lixeira tendencia crecente no que se refire a previsión de contratación, sobre todo no departamento comercial, o que é coherente co crecemento xeneralizado que se experimentou no negocio das empresas deste sector nos últimos anos.

- O menor valor que se observa no que se refire á posibilidade de incorporar traballadores portugueses, é ó posto de xerente. Posiblemente se deba ó feito de que na maior parte destas empresas, o xerente é tamén o propietario.

- Nos postos específicos do sector obsérvase baixa rotación, previsión ó crecemento de contratacións e posibilidade de incorporar traballadores transfronteirizos (portugueses) en tódolos postos. En calquera caso, poden realizarse as seguintes matizacións:

- Os postos de responsable de proxectos ou de consultor aparecen con baixos niveis de rotación pero cunha clara tendencia ó crecemento en novas incorporacións. Trátase de actividades cara ás que están evolucionando moitas das empresas de servicios existentes.

- Os postos relacionados co que poderíamos chamar a informática tradicional (técnicos de hardware, analistas e programadores), teñen niveis baixos de rotación, anque superiores que no caso dos postos anteriores e as previsións de contratación son crecentes.

- Os postos relacionados con Internet son os que maior rotación e demanda presentan de tódolos analizados.

Consideramos importante ter en conta os seguintes aspectos, para a interpretación dos resultados anteriores:

- No que se refire á rotación, posiblemente os datos obtidos sexan moi diferentes na nosa comunidade con respecto ó que podería obterse en Madrid ou Barcelona. Por un lado, existe menor oferta na nosa comunidade, que facilite a rotación e por outro lado o lugar de residencia pode se-lo factor principal que xustifique a maior estabilidade ou permanencia dos profesionais deste sector nas súas respectivas empresas.

- No que se refire á demanda prevista, existe unha orientación ó crecemento nas valoracións que aportan as empresas. Esta valoración está en liña coas tendencias crecentes do sector, tal como se comentou anteriormente, sen embargo, existe un certo clima de incerteza derivado da crise que viven moitas das grandes empresas do sector, que anuncian importantes reduccións de persoal a nivel nacional e internacional, o excesivo optimismo en relación ó impacto de Internet nos negocios, a incerteza na demanda tralo cambio ó euro por parte das empresas, etc.

Un aspecto que é importante destacar, na medida que é fonte de novas demandas laborais, é a creación de novas empresas na comunidade. Este factor posiblemente ten un maior impacto que o crecemento das existentes, que na súa maior parte son empresas que tenden a manter unha reducida dimensión.