Traballar no espacio económico europeo
Recoñecemento de títulos obtidos na Unión Europea para efectos profesionais
Tributación
Seguridade Social
Desemprego
Enderezos útiles
VIVER EM PORTUGAL
Trabalhar na Galiza

As normas comunitarias sobre a coordinación dos programas de Seguridade Social dos Estados membros están contidas nos Regulamentos 1408/71 e 574/72 da CEE. As normas aplícanse ós traballadores asalariados e os autónomos así como ós membros das súas familias que se despracen dentro da Comunidade.

Como norma xeral, os dereitos e deberes da Seguridade Social de empresas e traballadores por conta propia ou allea, son os previstos na lexislación do Estado onde exerzan a súa actividade. No caso dos traballadores, esta norma aplícase mesmo cando residan no territorio doutro estado ou cando a empresa ou empresario para o que traballen teña a súa sede ou o seu domicilio no territorio do outro Estado.

Os dereitos e obrigas son os mesmos que lles son recoñecidos ós cidadáns do país. Non se consinte ningunha discriminación na atribución das prestacións da Seguridade Social polo feito de non ser cidadán do país no que se está asegurado. As obrigas tamén son as mesmas que están definidas para os respectivos nacionais.

Sen embargo, como excepción a esta norma xeral, o traballador que exerza unha actividade no territorio dun dos Estados, ben por conta propia ben por conta allea, ó servicio dunha empresa para a que traballe normalmente, e que sexa desprazado no territorio do outro Estado co fin de efectuar alí un traballo por conta propia ou por conta da empresa, quedará suxeito á lexislación da Seguridade Social do primeiro Estado sempre que:

  • O traballo a realizar no país de destacamento non exceda de 12 meses. Este período pode ser ampliado ata 12 meses máis previa solicitude e conformidade da autoridade competente do Estado membro no que estea desprazado.
  • O traballador por conta allea non sexa enviado en substitución doutra persoa que teña chegado ó remate do período polo que foi destacado.

Para que o desprazamento se poda realizar, solicitarase ante a Dirección Provincial da Tesourería Xeral da Seguridade Social ou Administracións da mesma, a expedición do formulario E-101 que certifica que o traballador continúa sometido á lexislación española de Seguridade Social durante o seu desprazamento a un país membro da Unión Europea, e en consecuencia está exento de cotizar a Seguridade Social do país respectivo.

Ademais deste formulario se deberá solicitar no Instituto Nacional da Seguridade Social o formulario E-128 que da dereito a recibir a prestación de Asistencia Sanitaria no país de emprego.

O traballador fronteirizo, é dicir, aquel traballador que exerce unha actividade por conta allea ou por conta propia no territorio dun Estado membro diferente daquel no que reside, regresando a este último tódolos días ou cando menos unha vez por semana, está sometido á lexislación do Estado no que traballa (artigo 13.2.a. do Regulamento 1408/71 da CEE). Por tanto, o traballador fronteirizo e os membros da súa familia poderán obter as prestacións correspondentes no territorio do Estado no que traballa (art. 20 do Regulamento 1408/71 da CEE).

Ademais disto, os traballadores fronteirizos e os membros da súa familia poderán ter dereito tamén, no seu lugar de residencia, ás prestacións económicas e en especie servidas por conta da institución competente no país de traballo (art. 19 do Regulamento 1408/71 da CEE).

Para poder exercer este dereito, os asegurados e os membros da súa familia, terán que dotarse dos oportunos certificados/formularios, que acrediten as informacións necesarias para verifica-los dereitos e facilita-la cooperación entre as institucións de Seguridade Social dos dous países.

Os formularios máis importantes, que deben ser solicitados na institución competente da Seguridade Social do país de traballo e entregados na institución competente da Seguridade Social do país de residencia, son:

Serie E-100 para o destino e o dereito ás prestacións por enfermidade e maternidade, en particular:

  • E-106 asistencia sanitaria no caso de enfermidade, maternidade;
  • E-115 solicitude de prestación pecuniaria no caso de enfermidade, maternidade;

Serie E-200 para o cálculo e o pagamento das pensións;

Serie E-300 para o dereito ás prestacións por desemprego, en particular:

  • E-301 acreditación dos períodos de cotización para a solicitude da prestación de desemprego;

Serie E-400, para o dereito ás prestacións familiares;

Serie E-600 para as prestacións non contributivas.

Para obter mais información deberá contactar coas institucións de Seguridade Social máis próximas.

 

Copyright © 2000, EURES Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia
Reservados tódolos dereitos