SISTEMA FISCAL

IMPOSTO SOBRE O RENDEMENTO: IRS E IRPF

DIFERENTES SITUACIONS NAS QUE SE PODE ATOPAR UN TRABALLADOR FRONTEIRIZO

I - TRABALLADORES POR CONTA ALLEA - CASO PRATICO 4

DESTACAMENTO DUN TRABALLADOR ESPAÑOL

DESTACAMENTO DUN TRABALLADOR PORTUGUES


CASO PRACTICO 4: DESTACAMENTO DUN TRABALLADOR ESPAÑOL

Don X é un traballador español que traballa por conta allea nunha empresa española, con sede en Vigo. Entretanto, é destacado para traballar nunha sucursal da empresa española, en Portugal, con sede en Valença, durante 183 días, regresando a España tódolos fins de semana. A persoa ten a súa residencia habitual en Vigo, onde ten a súa casa. Está casado e ten dous fillos, que tamén residen en Galicia. As remuneracións son pagadas pola casa matriz, e entre esta e a sucursal elaborouse un contrato de cesión temporal de persoal.

CUESTIONS

a) ¿A efectos fiscais onde é considerado residente?

    En España.

    De acordo coa lexislación española, Don X é considerado residente en España posto que permanece en territorio español máis de 183 días durante o ano natural.

    De acordo coa lexislación portuguesa, Don X non é considerado residente en Portugal, a efectos fiscais, na medida en que non permanece en territorio portugués mais de 183 días, seguidos ou intercalados, no ano civíl, e ademáis non dispón nese territorio, ó 31 de Decembro dese ano, , dun aloxamento en condicións que fagan supoñer que o traballador ten a intención de convertilo e ocupalo como se fose a súa residencia habitual.

b) ¿A efectos do imposto sobre o rendemento en que país tributan os rendementos obtidos en Portugal?

    En España.

    De acordo co artigo 15º n.º2, da CDT, tributan en España os rendementos obtidos en Portugal, xa que Don X non permanece en territorio portugués máis de 183 días e as remuneracións son soportadas pola casa matriz residente en España.

c) ¿A entidade patronal que paga os rendementos debe proceder á retención na fonte sobre aqueles?

    Si.

d) ¿Que taxa? ¿É necesario que o traballador presente algún documento a estes efectos? ¿E o final do ano, existe algún axuste sobre o imposto retido e o imposto final? ¿É necesario presentar algún modelo para o correspondente axuste?

    A retención efectuarase de acordo co método de cálculo establecido nos art. 75 a 82 e 95 do Regulamento do Imposto Sobre a Renda das Persoas Físicas. Don X deberá comunicar ó pagador a súa situación persoal e familiar que inflúe na determinación do tipo de retención ou nas regularizacións.

    Como Don X é residente en España, e tributa polos rendementos mundialmente obtidos declarará o rendemento do traballo realizado en Portugal no seu correspondente IRPF tendo en conta que terá a consideración de dietas exceptuadas de gravamen o exceso que perciba sobre a retribución total que obtería se estivese destinado en España.

    A retención funciona coma un pago por conta do imposto a pagar ó final, polo que ó final do ano, na liquidación do IRPF podería resultar unha deuda tributaria inferior á retención practicada, o que suporía a conseguinte devolución.

    Don X deberá presenta-la declaración do IRPF (modelos pendentes de aprobación na data de redacción deste manual), sen necesidade de adxuntar ningún documento adicional.

e) ¿E se fose acompañado pola familia?

A residencia e a tributación non variarían.

f) ¿A residencia fiscal e a tributación serían iguais no suposto de que Don X for a destacado máis alá de 183 días?

A residencia fiscal sería igual pero a tributación sería efectuada como se describe no caso 3 b).

 


CASO PRACTICO 4 BIS: DESTACAMENTO DUN TRABALLADOR PORTUGUES

Don X é un traballador portugués que traballa por conta allea nunha empresa portuguesa, con sede en Valença. Entretanto, é destacado para traballar nunha sucursal da empresa portuguesa, en España, con sede en Vigo, durante 183 días, regresando a Portugal tódolos fins de semana. A persoa ten a súa residencia habitual en Valença, onde ten a súa casa. Está casado e ten dous fillos, que tamén residen en Valença. As remuneracións son pagadas pola casa matriz, e entre esta e a sucursal elaborouse un contrato de cesión temporal de persoal.

CUESTIONS

a) ¿A efectos fiscais onde é considerado residente?

    En Portugal.

    De acordo coa lexislación portuguesa, Don X é considerado residente en Portugal, a efectos fiscais, na medida en que permanece en territorio portugués mais de 183 días, seguidos ou intercalados, no ano civíl, e ademáis dispón nese territorio, ó 31 de Decembro dese ano, dun aloxamento en condicións que fagan supoñer que o traballador ten a intención de convertilo e ocupalo como se fose a súa residencia habitual.

    Non se considerará residente fiscal en España posto que non permanece en territorio español durante máis de 183 días durante un ano natural.

b) ¿A efectos do imposto sobre o rendemento en que país tributan os rendementos obtidos en Portugal?

    En Portugal

    De acordo co artigo 15º n.º2, da CDT, tributan en Portugal os rendementos obtidos en España, xa que Don X non permanece en territorio español máis de 183 días e as remuneracións son soportadas pola matriz residente en Portugal.

c) ¿A entidade patronal que paga os rendementos debe proceder á retención na fonte sobre aqueles?

    Si.

d) ¿Que taxa? ¿É necesario que o traballador presente algún documento a estes efectos? ¿E o final do ano, existe algún axuste sobre o imposto retido e o imposto final? ¿É necesario presentar algún modelo para o correspondente axuste?

    Sendo considerado residente en Portugal, a retención na fonte é efectuada de acordo coas tablas de retención na fonte, publicadas por ministerio da súa Excelencia, o Ministro das Finanzas, tódolos anos. Don X deberá presentar un documento acreditativo da súa situación persoal e familiar, ó inicio do exercicio da profesión. A retención na fonte funciona como pago por conta do imposto a pagar ó final do ano civíl. Don X tributará polos rendementos mundialmente obtidos.

    En canto a entrega da declaración de rendementos, Modelo 3 (Anexo VI), a Administración Fiscal definirá a situación do contribuínte, puidéndose dar algunha das tres seguintes situacións:

    S RF=imposto a pagar; non hai pago nen reembolso do IRS

    S RF<imposto a pagar, pago do IRS

    S RF>imposto a pagar, reembolso do IRS

e) ¿E se fose acompañado pola familia?

    A tributación non variaría.

f) ¿A residencia fiscal e a tributación serían as mesmas no suposto de que Don X for a destacado máis alá de 183 días?

A residencia fiscal manteríase pero a tributación sería efectuada como se describe no suposto 3 BIS b).