ANEXOS
Cuestións prácticas
1. Procedemento para a homologación/equivalencia de títulos universitarios estranxeiros.

1.1. Desprazamento no sentido Portugal-España

João, de nacionalidade portuguesa, está interesado en concorrer a unha oposición aberta pola Universidade de Vigo na área de Enxeñería Electrónica, na cal está especializado; para poder presentar o seu proceso nesta oposición, esíxese que homologue o seu título. ¿Que debe facer João?

João debe presentar a súa solicitude de homologación utilizando o formulario oficial. Esa solicitude pode ser presentada nos rexistros das Oficinas de Educación das Subdelegacións do Goberno de cada provincia, por exemplo, na de Pontevedra:
. Subdelegación do Goberno
Oficina de Educación
Praza de España s/n
36002 Pontevedra
Teléfono: 986 869760

ou tamén na oficina central na:
. Subdirección General de Títulos, Convalidaciones y Homologaciones
Paseo del prado, 28
28014 Madrid
Teléfono: 91 5065600

A citada solicitude debe ir acompañada da seguinte documentación:

  • a) Se é licenciado/enxeñeiro (no caso de João) ou ten un título de bacharel.
    • - Certificado comprobativo da nacionalidade expedido polas autoridades portuguesas ou fotocopia compulsada do Bilhete de Identidade ou do Pasaporte;
    • - Título orixinal da carreira de enxeñería ou certificado orixinal comprobante da súa expedición;
    • - Certificado académico dos estudios cursados por João (anos académicos, materias, cualificacións, horas, créditos...)
  • b) Se é Doutorado:
    • - Certificado comprobante da nacionalidade expedido polas autoridades portuguesas ou fotocopia compulsada do Bilhete de Identidade ou do Pasaporte;
    • - Fotocopia compulsada do título de enxeñeiro, se foi obtido nunha universidade española, ou documento comprobante da súa homologación se foi obtido nunha universidade portuguesa;
    • -Título orixinal de Doutor ou certificado orixinal comprobante da súa expedición;
    • - Certificado da parte curricular do Doutoramento (en caso de que proceda);
    • - Informe explicativo da tese, redactado en español;
    • - Unha copia da tese, con indicación da composición do tribunal e da cualificación (en principio, non é necesaria a traducción da tese).

A documentación especificada poderá ser complementada co curriculum académico e científico de João e cos programas correspondentes das materias cursadas. Unha vez entregada a documentación e realizada a apreciación do proceso, o Consello de Universidades pode emitir tres resolucións diferentes:

  • - Favorable á homologación da tese por tratarse de estudios equivalentes. Neste caso prodúcese a homologación directa, que supón o recoñecemento en España da validez oficial do título portugués a efectos académicos. Esta resolución favorable á homologación de títulos estranxeiros de Educación Superior formalízase mediante credencial expedida polo Ministerio de Educación e Ciencia, previo pagamento da taxa correspondente;
  • - Favorable á homologación sempre que se supere unha proba global. Nestas situacións, a homologación está condicionada á superación da proba global sobre aqueles coñecementos básicos da formación española solicitados para a obtención do título. Proba que poderá ser realizada na universidade escollida polo interesado. Neste caso, a formación acreditada polo solicitante non é suficientemente similar ó título español, é dicir, non é suficientemente equivalente;
  • - Desfavorable á homologación, o que acontecerá naqueles casos en que a formación é substancialmente diferente. Perante esta situación, João poderá: i) no caso de que concorde coa resolución, solicitar a validación de parte dos seus estudios na universidade española que el escolla, dado que en moitas ocasións, o Consello de Universidades indica expresamente a posibilidade de que os estudios sexan validados parcialmente, ii) no caso contrario, interpor os recursos administrativos e xurídicos que legalmente procedan.