IV. Obrigas Fiscais
4.1. Obrigas Fiscais en España

d) Particularidades no IRPF para o empresario ou profesional residente en España.

Os rendementos de actividades económicas (empresariais ou profesionais) obtidos por persoas físicas residentes en España poden determinarse por algún destos rexímenes a efectos da súa integración na base impoñible do IRPF:

- Estimación directa normal.

O rendemento neto calcúlase de forma similar ó IS, con algunhas particularidades. Os empresarios que realicen actividades de carácter mercantil e apliquen este réximen estarán obrigados a levar contabilidade.

- Estimación directa simplificada

É un réximen voluntario aplicable se o importe neto da cifra de negocios para tódalas actividades do contribuínte é inferior a 100 millóns de pesetas no ano anterior. O cálculo é similar ó realizado en estimación directa normal, excepto para a cuantificación de determinados gastos deducibles (por exemplo pódese deducir un 5% do rendemento neto en concepto de gastos de difícil xustificación). Os empresarios e profesionais que apliquen este réximen non están obrigados a levar contabilidade, senón uns libros rexistro de ingresos, gastos e bens de inversión.
- Estimación obxectiva

É un réximen voluntario aplicable a determinadas actividades determinadas polo Ministerio de Economía e Facienda se o volumen de rendementos íntegros do contribuínte no ano anterior non supera os 75 millóns de pesetas. O cálculo non se realiza en función do rendemento real da actividade senón sumando as contías correspondentes ós signos ou módulos previstos para cada actividade (por exemplo, número de empregados, consumo de enerxía, etc.). Os empresarios que apliquen este réximen non están obrigados a levar contabilidade, únicamente deberán levar un libro rexistro de bens de inversión e conserva-las facturas emitidas e recibidas.

Deberán ingresar catro pagos fraccionados a conta do IRPF de carácter trimestral.

Os rendementos de actividades profesionais atópanse suxeitos a retención (polo xeral do 18%) cando o pagador é un empresario ou profesional.