IV. SISTEMA XERAL DE EQUIVALENCIAS - Desprazamento no sentido Galicia-Portugal
IV.3. - Recoñecemento de Titulos do ensino secundario - Cursos Xerais
IV.3. RECOÑECEMENTO DE TÍTULOS DO ENSINO SECUNDARIO — CURSOS XERAIS

O recoñecemento de títulos do ensino secundario pode ser feito con dúas finalidades: para a continuación de estudios ou, para sermos máis claros, para o acceso ó sistema de ensino superior (ensino universitario ou politécnico), seguindo as regras de obtención de equivalencias para o ingreso ou a continuación de estudios; e para o exercicio dunha actividade profesional. Dado o obxecto deste estudio, só centraremos a nosa análise no recoñecemento de títulos para o exercicio dunha actividade profesional.

Os trámites para a obtención de equivalencias son case idénticos ós descritos no primeiro punto, cando se tratou do ingreso no ensino secundario. Hai , sen embargo, tres cuestións fundamentais que diferencian ámbalas dúas situacións.

En primeiro lugar, cando se trata da obtención de equivalencias para calquera outro fin que non sexa a continuación dos estudios, por exemplo para o exercicio dunha actividade profesional, téñense en conta o ciclo de estudios nacional e estranxeiro. É dicir, un alumno español que estivese matriculado no sistema anterior á reforma e que pretenda obter a equivalencia ó 12º curso de escolaridade de Portugal deberá ter o Curso de Orientación Universitaria (COU) superado. Por outro lado, se estaba matriculado no sistema posterior á reforma, deberá ter superado o ciclo de Educación Secundaria Post-obrigatoria.

Como se dixo, os documentos que se deben presentar neste caso son os mesmos dos casos descritos nos puntos anteriores. Non embargante, a equivalencia non é outorgada por un centro de ensino secundario, senón polo Director do Departamento do Ensino Secundario, un servicio central do Ministerio da Educación (ver contactos no anexo 6).

En terceiro lugar, está o caso do cidadán estranxeiro que pretende obter equivalencias para o exercicio dunha actividade na Administración Pública. Nese caso, e ademais de tódolos trámites normais da obtención da equivalencia de títulos, ese individuo deberá facer unha proba de portugués. Esta proba realízase na escola que o solicitante indicar e ten por obxectivo comprobar o dominio da lingua portuguesa nas destrezas orais e escritas. Ten unha duración de noventa minutos, realízase na data fixada pola escola, hai un xurado designado pola escola que avalía a actuación do candidato durante a proba e que lle confere a calificación de "aprobado" ou "suspenso".