|
O presente estudio sobre "As Necesidades Ocupacionais no Espacio Transfronteirizo Galicia Norte de Portugal" é o resultado do traballo realizado durante o segundo semestre do ano 2001 para o servicio EURES TRANSFRONTEIRIZO, coa colaboración da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) e a Asociación Industrial do Minho (AIMINHO).
O obxectivo básico do traballo é ter un primeiro achegamento ás necesidades ocupacionais no espacio transfronteirizo Galicia Norte de Portugal para os seguintes sectores:
- Construcción
- Madeira
- Metal mecánica
- Téxtil
- Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC)
- Turismo
Como o propio título do traballo indica, preténdese recoller información que permita afondar no coñecemento das necesidades ocupacionais das empresas dos sectores citados, na zona de estudio. Concretamente no estudio identifícanse os postos existentes en cada un dos sectores , a demanda prevista desde o punto de vista das empresas e a valoración da oferta existente. Así mesmo, afóndase nas vías de incorporación de traballadores utilizadas polas empresas e a posibilidade de incorporación de traballadores transfronteirizos nas empresas de ámbolos lados da fronteira.
A metodoloxía do traballo realizado descansa nun estudio de campo realizado sobre un total de 372 empresas do espacio transfronteirizo Galicia Norte de Portugal, abranguendo este as provincias de Ourense e Pontevedra en Galicia e os Distritos de Braga, Bragança, Vila Real e Viana do Castelo no Norte de Portugal. É importante destacar que se seguiu unha metodoloxía común para a análise das empresas a ámbolos lados da fronteira, o que permite realiza-lo estudio comparativo en moitas das variables.
Así mesmo, completouse a información obtida das empresas mediante a realización de paneis de expertos, nos que se contrastaron as valoracións e opinións das empresas de cada un dos sectores.
O presente estudio cubre, por tanto, un aspecto de gran importancia para mellorar o coñecemento da realidade existente sobre un tema clave para o desenvolvemento económico e social da zona de estudio. Esperamos que a información que se aporta neste traballo serva para cubri-los obxectivos previstos e que contribúa finalmente á mellora da competitividade das empresas e a un maior aproveitamento do mercado de traballo.
Queremos así mesmo manifesta-la nosa gratitude cara os empresarios e directivos das empresas galegas e portuguesas que, mediante a súa colaboración, fixeron posible a realización deste traballo. Esperamos que a súa dedicación véxase compensada polo resultado obtido.
_______________________________________________________________________________
1. O traballo realizado non pretende afondar na caracterización dos postos de traballo dos sectores analizados, que sería obxecto dun estudio específico en cada un dos sectores.
|