2.- METODOLOXÍA
2.1.- Presentación xeral do traballo


O obxectivo do presente estudio é a caracterización das necesidades ocupacionais nas empresas do espacio transfronteirizo Galicia-Norte de Portugal nos seguintes sectores:

- Construcción
- Madeira
- Metal- Mecánica
- Tecnoloxías da Información e Comunicación (TIC)
- Textil
- Turismo

O termo "necesidades ocupacionais" abrangue aspectos moi diversos, que poden ser analizados con diferente grado de profundidade. Lóxicamente o alcance deste proxecto e o número de sectores que se abranguen esixe un compromiso entre a extensión e o nivel de detalle ó que se debe descender.

O traballo que presentamos pretende aportar unha visión de conxunto dos diferentes sectores considerados, cos seguintes obxectivos:
- Poder estudiar a situación actual das empresas no que se refire ás necesidades ocupacionais e as tendencias previstas.
- Poder compara-la situación existente a ambos lados da fronteira e identificando as principais diferencias existentes.
- Aportar unha ferramenta ó servicio EURES Transfronteirizo Galicia – Norte de Portugal, que sirva de apoio para o asesoramento sobre as necesidades das empresas en materia ocupacional e as oportunidades existentes para os profesionais en ambos lados da fronteira.

Un aspecto que se tratou de observar no proceso de deseño foi a unificación dos máximos criterios no que se refire á recompilación da información de Galicia e do Norte de Portugal, de forma que os resultados presentados poidan ser analizados de forma conxunta.