| 5.- ANÁLISE SECTORIAL DA ZONA FRONTEIRIZA DO SUR DA GALICIA |
| 5.1.- Análise do sector da Construcción en Galicia |
| A continuación describimos as actividades que teñen unha maior integración dentro da cadea de valor do sector. - Cemento, formigón preparado, arena e grava: trátase de actividades básicas dentro do sector. Este grupo de actividades é o que menos man de obra e ocupacións ten, pero require de alta tecnoloxía e, polo tanto, existe unha gran dispersión entre os tipos de ocupación, pasando de postos de alta cualificación a postos básicos sen posicións intermedias. Ademais, as empresas que se dedican a estas actividades solen tender á reducción de ocupación dentro do sector. - Actividades de primeira transformación, como fabricación de ladrillos, tellas, mármores, etc.: Son actividades identificadas como primarias dentro do sector, que se caracterizan por dispoñer de procesos moi sinxelos. O mesmo que no caso anterior, tanto o nivel de ocupación como a cualificación necesaria para incorporarse ás actividades é baixo, posto que os procesos están moi baseados na tecnoloxía. - Tratamento do vidro: Trátase dunha actividade que cada día ten maior incidencia no sector, pasando do vidro plano como básico, á artesanía do vidro o vidrería e a cristalería. A incidencia desta actividade no sector vaise incrementando debido, sobre todo, a que se traballa máis no deseño e na incorporación de luz como un elemento vital e estético nas construccións urbanas. Tamén inflúen de maneira importante a incorporación do vidro ás construccións de naves industriais, edificios dedicados a oficinas, centros comerciais, lugares de ocio, etc. Este incremento da incorporación do vidro á construcción supuxo a necesidade de profesionalizar e incrementa-la demanda de especialistas na colocación do mesmo. - Tratamento da pedra: Denominamos esta actividade como tratamento da pedra para evita-la confusión que se poida xerar co sector graniteiro. Dentro desta actividade englobamos todo o relacionado coa colocación de baldosas, azulexos, mármores, fachadas e, en menor medida, a construcción de vivendas de pedra. O mesmo que no caso anterior estamos falando dunha serie de subactividades cunha incidencia na man de obra que é importante e que cada día require máis profesionalización na colocación e menos na preparación, ó estar esta máis industrializada. As ocupacións dentro desta actividade están orientadas á instalación en obra dos productos industriais. Esta ocupación non require especialización pero, pola contra, as incorporacións de acabados especiais, a colocación de adornos de pedra, a colocación dos granitos moldurados en fachadas, etc., requiren un grao de especialización importante, tanto por parte dos arquitectos e aparelladores á hora de incorporar e contar con estas posibilidades do producto como por parte da man de obra, no tratamento e colocación en obra. - A carpintería metálica: Nesta actividade contemplamos a parte que se refire ó procesado do aluminio no taller (como elemento máis estendido) e á colocación do mesmo en obra. Esta actividade está xerando unha sinerxia interesante coa incorporación de acabados de madeira en soportes de aluminio. Actualmente, non está moi definido qué industria realizará o producto final, pero parece importante salienta-la posibilidade de xerar novas ocupacións dentro da actividade. No tratamento dos materiais no taller, ademais das ocupacións normais que pode haber en calquera outra actividade, é necesario destaca-la relevancia das ocupacións dedicadas a levar a cabo medicións en obra, delineación do producto e incorporación do mesmo á obra (instalación). Na instalación do producto, as ocupacións máis típicas, anque se poida pensar que son as mesmas que as da carpintería de madeira, requiren unha gran especialización. É por isto, que especialistas na colocación dos elementos metálicos son cada día máis importantes dentro deste sector. - A carpintería de madeira: Foi sempre unha actividade moi relacionada coa construcción. Actualmente, os traballos repártense entre a anteriormente mencionada carpintería metálica e a incorporación do PVC á construcción. De todos modos, a carpintería de madeira segue tendo unha relevancia clara na comunidade destacando, se cabe, no entorno transfronteirizo. O que si consideramos destacable, é a transformación que se foi producindo nas ocupacións, perdendo importancia o ebanista ou manitas final pasando, ó igual que nos casos anteriores, a cobrar maior importancia a ocupación do colocador ou instalador. - Instalacións eléctricas: É outra das actividades primarias dentro do sector. Dentro da actividade eléctrica as ocupacións que teñen maior relevancia no sector son as que teñen que ver coa instalación de luminaria e forza, é dicir, os instaladores. Para estas ocupacións, que son consideradas man de obra directa, é necesario ter unha formación axeitada, anque existe unha parte de traballo non cualificada, como a relacionada co estendido de cable, colocación de equipos, preparación de medios, etc. As necesidades de formación non soamente son necesarias na construcción de obra nova senón, e quizais máis, na restauración e acondicionamento de obras xa construídas. Outra parte desta actividade é a que se desenvolve nas estradas e calzadas. - Actividades de fontanería, calefacción e aire acondicionado: Consideramos que así como a fontanería xa adquiriu unha madureza importante na que as ocupacións están moi definidas, na calefacción e aire acondicionado crearanse especializacións en función dos medios técnicos e materiais que se utilicen (actualmente os fontaneiros téñense que reciclar e adaptar para a instalación de estes equipos). - Promoción de obras: Poderíamos denominar esta actividade como a impulsora de tódalas demais actividades do sector.Así pois, é a parte que aporta os recursos financeiros. Pola contra, non se caracteriza por dispoñer dunha variedade ampla de ocupacións. - Estructuras de metal: Esta actividade ten unha relación máis directa coa construcción industrial que coa construcción inmobiliaria. As ocupacións están moi relacionadas coas medicións e colocacións in situ das estructuras. O resto da actividade poderíase englobar no sector metal-mecánico. - Contratistas e/ou constructores: Poderíamos dicir que a auténtica actividade do sector é esta. É a actividade que engloba á maioría das ocupacións do sector. Basicamente estamos falando das ocupacións de albaneis, pintores, alicatadores e tódolos colocadores e montadores definidos no resto das actividades da cadea de valor, que concentran ou desenvolven a súa actividade motivados por este grupo. É a actividade que máis man de obra engloba. Ademais, as constructoras teñen ocupacións moi relacionadas con profesións específicas como poden ser os arquitectos, aparelladores, técnicos de seguridade e calidade, mandos intermedios, etc. Sole existir unha mestura ou confusión grande á hora de identificar as ocupacións nesta actividade porque, en moitas ocasións, o responsable de obra, o xefe de obra e o aparellador son ocupados polo arquitecto, que ademais fai as súas propias funcións como profesional. - Inmobiliaria: É a actividade comercializadora das obras urbanas. O seu nivel de ocupación é baixo, destacando as ocupacións relacionadas coa presentación e promoción dos pisos, locais, etc.. É posible que nalgún caso dispoñan de persoal técnico, pero en moi raras ocasións. - Distribución: Dentro do sector da construcción non existe unha actividade de distribución como tal do producto final. A distribución é unha actividade que se desenvolve para poder achega-los materiais ós puntos da construcción. Esta distribución lévase a cabo por medio de almacenistas comerciantes por xunto da construcción que, normalmente, dispoñen de todo tipo de materiais. Existe outra forma de distribución que é a relacionada coa entrega de mercancía en obra, a que pode vir do almacén comerciante por xunto ou do propio fabricante dos materiais. En moitos casos, as empresas cobren máis dunha das actividades descritas. Isto fai que haxa moitas empresas que teñan a necesidade de dispoñer dunha ampla variedade de ocupacións. Seleccionouse un conxunto de 30 empresas deste sector nas provincias do Sur de Galicia (Ourense e Pontevedra), co obxecto de recolle-los principais postos existentes e as tendencias ocupacionais segundo valoración das propias empresas. Na selección das empresas tratouse de cubri-las diferentes actividades ás que nos temos referido nos parágrafos anteriores. |