5.- ANÁLISE SECTORIAL DA ZONA FRONTEIRIZA DO SUR DA GALICIA
5.4.- Análise do sector Téxtil en Galicia
5.4.1.- O sector Téxtil
5.4.1.1.- Actividades desenvolvidas polas empresas do sector Téxtil


A actividade téxtil sempre foi unha das actividades importantes na zona obxecto de estudio. Nos últimos anos incrementouse o nivel de incidencia desta actividade na comunidade, tanto nas provincias de Ourense e Pontevedra como no resto da comunidade Galega. Non podemos obviar que a Comunidade conta con empresas de recoñecido prestixio (Zara, Adolfo Domínguez, Loina Textil, Roberto Verino, Selmark, Etc.). Este auxe da industria téxtil na comunidade é beneficioso de cara á incorporación e profesionalización do emprego. Actualmente creouse un centro de formación orientado á mellora da adecuación dos profesionais ás necesidades reais da industria téxtil.

En relación á situación actual da actividade e ó seu futuro, consideramos que seguirá en aumento, sobre todo cando estean consolidadas unha serie de iniciativas que se están implantando nas provincias de Ourense (desenvolvemento dun centro de formación téxtil) e Pontevedra (parque téxtil con todo tipo de servicios).

A dimensión das empresas do sector téxtil en Galicia abrangue un abanico bastante amplo, pero na súa maioría poderíamos considerar que se trata de empresas que se enmarcan na dimensión de PYMES, entre 50 e 300 traballadores na maioría dos casos, que a súa vez xeran unha importante rede de talleres de manufactura que se poderían considerar como pequenas empresas, cunha actividade que consiste en levar a cabo parte do proceso.

O sector caracterízase polos altibaixos que se producen debido ás campañas de comercialización. Practicamente o sector funciona baixo a delimitación de dúas grandes campañas primavera – verán e outono – inverno. Esta situación, e a necesidade de reducir custos financeiros, fai que no curso dun exercicio existan épocas do ano cun alto índice de ocupación, e polo contrario outras épocas de moi baixa actividade. Tamén son diferentes os volumes de producción entre as dúas campañas. A de outono – inverno sole ser inferior á de primavera – verán no que se refire a confección exterior de consumo básico, mentres que a confección de abrigo, paraugas, etc. esta tendencia invírtese. Todos estes factores repercuten directamente na ocupación, anque xa empezaron a poñerse en marcha accións para axudar a corrixir estas desviacións. Entre elas convén menciona-los cambios lexislativos relacionados coas xornadas de traballo, as vacacións e a introducción de productos de pronto moda o intercampañas.

O ámbito de negocio en Galicia, a pesar do crecemento experimentado, séguese repartindo entre as actividades de deseño, confección, distribución e comercialización do producto. No que se refire ó aspecto de texedurías, fabricación de téxtiles, fiaturas, etc. Galicia non desenvolveu novas industrias, limitándose a importar todo o referente a primeiras materias (hilaturas, tecidos e accesorios).

A continuación describímo-las actividades que teñen unha maior integración dentro da cadea de valor do sector.

- Deseño. describimos esta actividade como unha parte importante dentro do sector pola influencia que ten á hora de que se xere industria. A actividade de deseño pódese contemplar como unha actividade dentro das propias industrias ou tamén como unha actividade que serve de base a unha das actividades que maior importancia ten de cara ás ocupacións e ó emprego, a confección e acabados de prendas. Na industria téxtil sole ser común que os deseñadores non dispoñan de proceso productivo que acompañe a súa actividade, é dicir, o deseñador non ten empresas que dependen económica e xuridicamente del, senón que hai unha independencia entre a actividade do deseñador e os fabricantes e comercializadores. Na comunidade esta situación inclínase máis cara ó o feito de que o deseñador dispon da súa propia empresa transformadora e incluso comercializadora. A necesidade desta actividade no sector é fundamental, é por isto que se creou un centro para a formación de novas ocupacións relacionadas co sector téxtil.

- Actividades de fabricación de productos finais: Tal como se comentou anteriormente, en Galicia non existe tradición de empresas que leven a cabo a primeira transformación (antigamente, pola contra, Galicia era unha rexión caracterizada pola utilización do Lino como material básico do téxtil). Polo tanto, a actividade máis importante e que maior número de postos de traballo xera é a confección de prendas. Para comentar esta actividade separaremos as empresas de xéneros de punto do resto.

- Empresas de xéneros de punto
No caso dos xéneros de punto o comezo do proceso productivo é a teceduría. É dicir, pártese dunha serie de fiaturas que se transforman en pranchas de tecido en función do tipo de prendas que se vaian confeccionar. Sen embargo, para a confección do resto de productos, o tecido impórtase doutras comunidades autónomas ou países. Esta actividade caracterízase polo alto grao de integración e automatización do proceso. É unha actividade que require un importante coñecemento do proceso e dos materiais (hilaturas) que se utilizan. Poderíamos dicir que esta é a característica máis destacable da actividade de transformación, posto que coas novas tecnoloxías que se utilizan no sector, a actividade de costura queda moi reducida.

Outra actividade característica da confección de xéneros de punto é o lavado e vaporizado dos tecidos (anque esta parte da actividade estase reducindo). Neste punto a necesidade de coñecementos específicos non é fundamental.

A actividade propiamente dita de costura dentro das empresas de xéneros de punto é secundaria se compárase coa de teceduría. En moitos casos as prendas pasan directamente da teceduría á costura e de aí ó rematado final e prancha, mentres que noutros é necesario introducir unha actividade intermedia que é o corte das prendas. En todo o proceso, as necesidades de coñecemento dos materiais e do oficio son importantes, sendo destacable a necesidade nas tarefas de remallado manual.

As últimas actividades, dentro da confección de xéneros de punto, son os acabados, a prancha ou dobrado e embalaxe.

- Empresas de confección exterior
Dentro deste epígrafe de confección externa imos considerar e tratar dunha forma xenérica tódolos productos. De todos modos, é necesario destacar que existen diferencias importantes no comportamento do téxtil e nas necesidades de ocupación segundo se trata de confección interior, exterior, complementos, abrigo, accesorios, etc.

Tal como se indicou anteriormente, a diferencia entre esta actividade e a do punto é que, mentres aquelos partían das hilaturas, nesta pártese dos tecidos como punto de partida.

Tanto a tecnoloxía como os procesos están en relación directa cos tipos de tecidos a utilizar e as tendencias marcadas na moda polos deseñadores. Poderíamos tamén mencionar que existe unha confección básica, que responde ós consumidores ou clientes medios, e outra confección máis elitista. En ámbolos casos as empresas caracterízanse por dispoñer das mesmas ocupacións.

As ocupacións típicas que se poden atopar son as relacionadas coa confección de roupa interior (masculina e feminina), a camisería, os pantalóns, chaquetas e traxes e as saias e vestidos.

- Outras actividades
Consideramos aquí o resto das empresas que, sendo tamén confeccionistas, difiren dos grupos maioritarios que se comentaron no punto 2. Dentro deste grupo de empresas atópanse tódalas relacionadas con accesorios bolsos, botóns, complementos, etc. e as empresas dedicadas ás confeccións especiais como son paraugas e antucas, colchóns e tapizados (parte destas actividades englóbanse nos epígrafes do automóbil pola súa relación), confección de peles, etc.

As ocupacións, na súa maior parte, non difiren das vistas para o resto da confección.

- Actividades de distribución e comercialización: Dentro do sector téxtil é moi importante a actividade de distribución e comercialización. A primeira debido á gran expansión xeográfica do sector e a segunda porque sole ser común no sector dispoñer de tendas para a comercialización final do producto.

Existe unha actividade no sector que é o servicio ós talleres confeccionistas, leva-las prendas cortadas para a súa confección e recollida das mesmas para rematar e distribuír pola industria que subcontrata, que non debe ser confundida coa distribución referida á colocación do producto ó alcance do consumidor ou do distribuidor final. Nestas actividades destacan os escaparatistas, os presentadores de producto e os transportistas. No que se refire á distribución masiva, o transporte é unha actividade que se subcontrata na maioría dos casos.