5.- ANÁLISE SECTORIAL DA ZONA FRONTEIRIZA DO SUR DA GALICIA
5.5.- Análise do sector de Tecnoloxías da Información e Comunicación en Galicia
5.5.1.- O sector das Tecnoloxías da Información e Comunicación

5.5.1.1.- Actividades desenvolvidas polas empresas do sector de Tecnoloxías da Información e Comunicación

As Tecnoloxías da Información e Comunicación ou as TIC, que é como normalmente se lles nomea, pasaron a un primeiro plano nas empresas e tamén na sociedade en xeral.

Estas novas tecnoloxías son quizais o principal facilitador dos profundos cambios que se están producindo no contexto do que se vén chamar a nova economía ou a economía dixital. As empresas que integran este sector, facilitan a existencia de infraestructuras, equipamento, aplicacións, contidos e servicios para todo tipo de usuarios, entre os que por suposto atópanse as empresas. A dimensión que adquiriu o sector, xustifica o cualificativo de Hipersector TIC, que se vén utilizando nestes últimos anos.

O crecemento deste Hipersector en España foi da orde do 15% nestes últimos anos, moi superior ó crecemento xeral da economía. Son varias as circunstancias que concorreron nos últimos anos e que posiblemente facilitaron o desenvolvemento do sector; o esforzo modernizador das empresas acelerado polo efecto 2000 e o cambio ó euro, a liberalización das telecomunicacións e o desenvolvemento de Internet son algúns dos factores parellos ó crecemento do sector.

As principais empresas deste sector a nivel nacional teñen a súa sede central en Madrid, contando soamente nalgúns casos con sedes na Comunidade Galega, dimensionadas en función do mercado existente na nosa comunidade (aproximadamente o 5% do mercado nacional).

Anque existen algunhas excepcións (1), podemos afirmar que na nosa comunidade o ámbito de negocio das empresas do sector TIC é a distribución e prestación de servicios, contando con poucas empresas que desenvolvan tecnoloxías de base. Así mesmo, as empresas que integran este sector na nosa comunidade son polo xeral empresas de reducida dimensión (2).

O tipo de actividade desenvolvida (fundamentalmente a prestación de servicios) leva a que estas empresas tendan situarse preto do seu mercado, o que lleva a unha elevada concentración nas principais cidades da zona de estudio; fundamentalmente en Vigo, Pontevedra e Ourense, con máis do 80% das empresas existentes (3).

As actividades desenvolvidas polas empresas deste sector son normalmente as seguintes:

- Distribución informática ou de telecomunicacións; trátase dunha actividade común á maior parte das empresas de servicios deste sector, compatible co desenvolvemento e implantación de software. Algunhas empresas de distribución teñen unha maior orientación ó público en xeral (mercado doméstico), o que leva a contar con locais comerciais de acceso ó público. Outras empresas máis orientadas a outros segmentos como as empresas ou a administración, desenvolven esta actividade sen necesidade de locais comerciais. En calquera caso, esta actividade requiere persoal para comercialización-venta e persoal técnico de hardware para a montaxe, servicio técnico, etc e por suposto persoal administrativo. No caso de empresas de maior dimensión, a complexidade das solucións ofertadas pode requirir perfiles como consultores de sistemas, responsables de proxectos, etc.

- Desenvolvemento e implantación de aplicacións informáticas; Trátase dunha actividade cun mercado principal que son as empresas ou a administración. Tal como se comentou, esta actividade sole complementarse coa distribución. Para realización deste tipo de actividade requírense perfiles como os consultores de aplicacións, analistas, programadores, etc.

- Desenvolvemento e implantación de solucións baseadas en Internet; Trátase dunha actividade que experimentou un importante auxe nos dous últimos anos, diversificando o negocio de empresas existentes e orixinando novas empresas con novos perfiles como o deseñador WEB, WEB master, programador de aplicacións Internet, etc.

- Consultoría; orientada normalmente ó apoio a empresas (ou á administración) para a planificación, diagnóstico, deseño ou incluso a implantación de solucións baseadas nas TIC.

- Outros servicios; servicios de comunicacións, formación, etc

Na maior parte dos casos, as empresas cobren máis dun ámbito de actividade das descritas. De feito, un dos principais puntos débiles neste sector é a falta de especialización existente, que leva á dificultade para diferenciarse co conseguinte incremento da competencia e a dificultade para a colaboración entre as empresas do sector.

Seleccionouse un conxunto de 30 empresas deste sector nas provincias do Sur de Galicia, co obxecto de recolle-los principais postos existentes e as tendencias ocupacionais segundo valoración das propias empresas. Na selección das empresas tratouse de cubri-las diferentes actividades ás que nos temos referido nos parágrafos anteriores.

Así mesmo, no tipo de actividades ás que nos referiremos é importante destaca-la oferta de servicios por parte de profesionais independentes e a propia existencia de técnicos especializados en TICs nas empresas de tódolos sectores e na administración. Este feito fai que os postos que en principio identificamos asociados a empresas do sector TIC, podan atoparse tamén noutros sectores ou que podan ofertarse directamente por profesionais. Esta circunstancia ten unha enorme incidencia no mercado laboral. (4).
_______________________________________________________________________________________________
(1) É importante destaca-lo papel de operadoras de telecomunicacións, que teñen a sede central na nosa comunidad, como é o caso de R o de Comunitel, situada esta última na zona obxecto de estudio. Estas empresas teñen un importante efecto no mercado laboral e constitúen un importante elemento de dinamización para o propio sector TIC na comunidade.
(2) Aproximadamente o 80% das empresas deste sector na nosa comunidade teñen menos de 10 empregados.
(3) Datos correspondentes ó estudio do Sector Informático na Provincia de Pontevedra, realizado pola Mancomunidade de Vigo (1999)
(4) Debe considerarse que un 14% das 10.000 primeras empresas galegas coan con persoal informático. Estaporcentax elevase ó 50% en empresas de máis de 50 traballadores, segundo datos do Observatorio TIC da Xunta de Galicia (2001)