1.1.1. Emprego na Administración Pública
¿Como se clasifica o persoal ó servizo da Administración?
O persoal clasifícase en:
Persoal funcionario de carreira
É o persoal funcionario que, en virtude do seu nomeamento e baixo o principio de carreira (é dicir, ter superado un proceso selectivo de oposición) se incorpora ó servizo da Administración e ocupa prazas dotadas con orzamentos establecidos para iso.
Persoal eventual
É aquel que, en virtude do libre nomeamento e en réxime non permanente, ocupa un lugar de traballo considerado de confianza ou de asesoramento non reservado a persoal funcionario. A prestación destes servizos nunca se pode considerar como mérito para acceder á condición de persoal funcionario nin para a promoción interna. Este persoal estará suxeito ó dereito administrativo e o seu cesamento acórdase libremente e non xera nunca indemnización.
Persoal interino
É o que presta servizos de carácter transitorio. Réxese polo Dereito administrativo e ocupa prazas que están reservadas ó persoal funcionario de carreira. Un interino pode ser nomeado:
a) Para cubrir transitoriamente prazas que serán ocupadas definitivamente por persoal funcionario de carreira (por exemplo, en espera de que se resolva unha convocatoria).
b) Para a realización de programas estritamente temporais ou para situacións urxentes.
c) Para ocupar postos de traballo en substitución de persoal funcionario que goce do dereito de reserva de praza e destino (por exemplo, unha excedencia por maternidade).
O persoal interino ten que cumprir os requisitos xerais de titulación, etc. para ocupar ese posto de traballo. Perde a condición de interinidade cando xa non son necesarios os seus servizos.
Persoal laboral
É aquel que, en virtude dun contrato de natureza laboral (é dicir, réxense polo Dereito laboral), ocupa postos de traballo clasificados como tales.
Persoal laboral non permanente
Excepcionalmente, debido ó carácter temporal de determinadas tarefas ou por razóns de urxencia, a Administración pode contratar persoal laboral con carácter non permanente.
|