VII. Eures Transfronteirizo Norte Portugal-Galicia : O emprego sin fronteiras
|
||
7.1 Aspectos Xerais. | ||
Un dos principios fundamentais que guía á Unión Europea cara un desenvolvemento equilibrado e duradeiro é o da libre circulación de bens, servicios, capitais e persoas. A cidadanía europea da que se fala no Tratado da Unión debe exercerse no contexto dunha verdadeira liberdade de circulación das persoas dentro do espacio común, o do gran mercado. Os traballadores fronteirizos figuran entre os primeiros que experimentaron a movilidade profesional e a Europa das Rexións ó dirixirse cara o polo económico máis próximo, onde queira que este se atopase. A natureza das migracións intraeuropeas mudou. ás oleadas migratorias que antes deslocaban a traballadores do Sur na procura dun emprego no Norte segue agora unha nova mobilidade, máis elixida que sufrida e vinculada ás necesidades de traballadores cunha determinada cualificación. Esta mobilidade vai aparellada coa non discriminación de traballadores dos Estados membros. Isto trae consigo un conxunto de dereitos para o traballador. En primeiro lugar pode desprazarse libremente polo territorio do Espacio Económico Europeo (EEE) para buscar emprego e ter dereito a optar a calquera emprego que se ofreza noutro Estado membro. Pode, obviamente, residir nese outro Estado, coa sua familia e beneficiarse do mesmo tratamento cos traballadores nacionais. Para acadar estos principios foi necesario desenvolver unha serie de regulamentos, en particular, o relativo á libre circulación dos traballadores dentro da Comunidade (R. nº 1621/68 do Consello). A mobilidade da man de obra na Comunidade debe ser, para o traballador, un dos medios que garanta a posibilidade de mellora-las súas condicións de vida e traballo ó mesmo tempo que contribúe a satisface-las necesidades da economía dos Estados membros; ademáis de ser un dereito fundamental para os traballadores e a súa familia. Para poder exercitar este dereito resultará indispensable a existencia dunha igualdade de trato cos nacionais dos Estados, en todo o que se relaciona co exercicio dunha actividade por conta doutro, incluindo neste concepto a mesma prioridade no acceso ó emprego da que disfrutan os nacionais. Todo empresario e traballador que exerza a súa actividade dentro do territorio dun Estado membro poderá intercambiar as súas demandas e ofertas de emprego, formalizar contratos de traballo e executalos, sin que disto poida resultar discriminación algunha. Para que este intercambio de ofertas e demandas de emprego poda levarse a cabo, resulta necesario a implicación e colaboración dos Estados membros así como da propia Comisión Europea. Tras varias experiencias de cooperación entre os Servicios Públicos de Emprego dos Estados membros e a Comisión, e sempre co obxectivo de realizar un intercambio de ofertas e demandas de emprego a nivel comunitario e garantiza-lo intercambio de información en relación coas condicións de vida e traballo, estes mesmos organismos crearon a Rede EURES (European Employment Services) (Decisión da Comisión de 23/10/93). EURES é unha rede creada pola Comisión Europea, con representantes en todos e cada un dos Estados membros o obxecto da cal é a prestación de servicios de colocación, información e asesoramento destinados ós traballadores e ós empresarios, sobre o mercado de traballo no Espacio Económico Europeo. Dentro da rede EURES atópase o servicio EURES Transfronteirizo que ten como obxectivo dar resposta ás necesidades de información ligadas á mobilidade fronteiriza de traballadores e empresarios. Confrontados diariamente coa xustaposición de lexislacións e de costumes diferentes precisan de información sobre as particularidades do país veciño. Con respecto á rede, os EURES Transfronteirizos posúen varias particularidades. En primeiro lugar, a súa acción céntrase en determinados xacimentos de emprego con fluxos fronterizos de man de obra. Por outra parte, son o resultado dunha asociación local voluntaria entre Servicios de Emprego, axentes económicos e sociais e Administracións Locais. A súa misión abarca a difusión das ofertas e solicitudes de emprego, das condicións de vida e traballo e das posibilidades da formación profesional. As asociacións transfronteirizas establecidas para crear os EURES Transfronteirizos son tamén plataformas de concertación que permiten unha reflexión detida sobre os problemas do mercado de traballo. Ata o momento existen en toda Europa 20 EURES Transfronteirizos, un dos cales recibe o nome de Norte Portugal-Galicia por actuar precisamente nesta rexión fronteiriza. Este servicio, que ten a súa sede central na vila de Valença (Portugal), entrou en funcionamento no ano 1998, e foi creado a través da parcería dos seguintes organismos:
- O servicio de información e asesoramento que proporciona o EURES Transfronteirizo lévase a cabo a través da labor dos Euroconselleiros. Son persoas especialistas no mercado de traballo a nivel comunitario e transfronteirizo. Pertencen ós Servicios Públicos de Emprego, organizacións sindicais, patronais e municipais. Os Euroconselleiros dispoñen dos coñecementos e dos medios necesarios para informar sobre as ofertas de emprego, asesorar sobre a lexislación existente en materia social, laboral, fiscal, orientar sobre as condicións de vida e traballo e aconsellar sobre as estratexias a seguir para a consecución de emprego. |