IV. SISTEMA XERAL DE EQUIVALENCIAS - Desprazamento no sentido Galicia-Portugal
IV.1. - Ingreso no sistema de ensino secundario - Cursos Xerais
IV.1. INGRESO NO SISTEMA DE ENSINO SECUNDARIO-CURSOS XERAIS

Para ingresar no sistema do ensino secundario a única condición esixida ó alumno é ter superado con éxito o ensino básico. Unha vez cumprido este requisito, o alumno deberá proceder á matricularse no centro de ensino secundario que escolla. Dado que existe unha matriz única no plano de estudios do ensino básico, o alumno pode escoller libremente a modalidade de ensino secundario en que se quere matricular (cursos xerais ou cursos tecnolóxicos) e, dentro destas, a respectiva opción (ver Capítulo I). Neste particular, recoméndaselle ó alumno que, antes de se matricular nun determinado centro de ensino, se informe da oferta de opcións existente na área xeográfica pretendida, para realizar así a mellor escolla de centro.

No caso dun alumno estranxeiro (no estudio en cuestión de nacionalidade española), deberá, para tal, enceta-los trámites de obtención da equivalencia dos cursos de ensino básico superados no país de orixe, co fin de lle ser recoñecida a posibilidade de se escolarizar no ensino secundario en Portugal. É importante saber que, en se tratando dunha solicitude de equivalencia para continua-los estudios (neste caso, para ingresar no ensino secundario), é necesario ter en conta non o feito de ter rematado o ensino obrigatorio do país de orixe, senón o número de cursos superados no sistema de ensino do que provén. Como o ensino básico en Portugal se compón de nove cursos de escolaridade obrigatoria, o alumno debe ter superado nove cursos no sistema de ensino do país de orixe. No caso específico de alumnos provenientes de España, se o alumno se encontraba inserido dentro do sistema anterior á reforma, para ingresar no ensino secundario debe ter superado o 1º curso do Bachalerato Unificado Polivalente (BUP) e se, polo contrario, se encontraba inserido dentro do sistema posterior á reforma, debe ter superado o 3º curso da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO).

Para efectua-la solicitude de equivalencia, o aluno debe:

- Dirixirlle unha solicitude, no formulario pertinente (ver Decreto-Lei nº 219/97 de 20 de agosto), ó director do centro de ensino escollido;

- Xuntar á tal solicitude un certificado académico que probe os requisitos descritos no parágrafo anterior. O certificado debe estar validado pola embaixada ou o consulado portugués en España, ou pola embaixada ou o consulado español en Portugal;

- A entidade que analiza o expediente (neste caso, o centro de ensino en cuestión) pode solicitar unha traducción xurada ou validada polo axente diplomático ou consular español dos documentos presentados.

Feito todo isto, o alumno deberá realizar unha matrícula condicional no centro de ensino ó que pretende asistir, que será válida mentres non se resolve o expediente, de xeito que non resulte prexudicado pola posible demora do mesmo. Se a equivalencia lle for concedida, o alumno pode pedir, ademais, un certificado de equivalencia. E, por último, o alumno deberá recibir un apoio pedagóxico no centro, para eliminar algúns atrancos especiais, sobre todo os resultantes das dificultades no dominio da lingua portuguesa.

No caso de o alumno ter asistido a un centro de ensino privado non recoñecido polas autoridade escolares españolas, ou ter realizado unha modalidade de ensino á distancia (modalidade complementaria ou alternativa ó ensino regrado), ademais dos trámites normais de calquera expediente, deberá pasar unha proba especial de avaliación, coa finalidade de avaliar se o nivel global de formación do alumno é suficiente para se escolarizar na modalidade e curso pretendidos ou obter o certicado. Esta proba terá lugar no centro de ensino escollido polo alumno, e aí será onde obteña información polo miúdo dos contidos da proba, as datas, a duración, etc.