2.5.1.- Deseño da enquisa
Para o deseño da enquisa identificáronse, en primeiro lugar, os aspectos clave sobre os que se querían incidir no traballo, a saber:
- Postos que demandan as empresas, nivel de rotación e tendencia futura.
- Grado de satisfacción coa oferta existente no mercado laboral, tanto no que se refire á cantidade como ó axeitamento de dita oferta.
- Posibilidade de incorporar traballadores transfronteirizos
Incluíronse ademais unha serie de cuestións relacionadas coa política de Recursos Humanos nas empresas como o nivel de definición dos postos de traballo, o grado de documentación de ditos postos e a existencia ou non de programas de formación dentro das empresas.
Por último, engadíronse unha serie de preguntas de segmentación, que permiten caracteriza-la mostra (a actividade da empresa, a facturación), así como coñece-las relacións comerciais entre empresas de ambos lados da fronteira, diferenciando entre compras e ventas.
Para deseña-la pregunta acerca dos postos de traballo previamente se definiu a seguinte estructura organizativa tipo, distinguindo entre postos de traballo transversais ou xerais e postos específicos.
- Postos Transversais:
- Dirección Xeral ou Xerencia
- Dirección Funcional ou Departamental
- Postos Comerciais
- Postos Administrativos
- Postos específicos (directamente relacionados coa actividade da empresa)
Os postos transversais son comúns a todos os sectores e, a súa vez, en Galicia e Portugal. Sen embargo, os postos específicos, pola súa clara relación coa actividade da empresa, son distintos para cada un dos sectores. Ademais, a súa denominación e, nalgúns casos, as tarefas que levan asociadas, difiren no caso galego e portugués. Por elo, e anque a enquisa utilizada coincidiu no resto de cuestións presentadas, definíronse seis enquisas para Galicia e seis para Portugal (unha por sector), que se distinguen unicamente nas cuestións referidas ós postos específicos.
As listas de postos específicos deseñadas inicialmente para cada un dos sectores foron en todo momento listas vivas, no sentido de que se foron ampliando / modificando segundo os postos que ían aparecendo nas empresas enquisadas.
As enquisas ían acompañadas dunha carta de presentación dos socios promotores que consideramos facilitou a colaboración por parte das empresas ó contribuír á sensibilización sobre a importancia do traballo.
A enquisa dirixiuse preferentemente ó xerente da empresa e en segundo lugar a adxuntos a xerencia ou responsables de Recursos Humanos.
|